II Encontro InspiraTICs

Inspirando e motivando a través das TIC

Ferramentas para empatizar e comunicar mellor, a metodoloxía da "Flipped Classroom" e os vídeos como recurso educativo foron os contidos do II Encontro InspiraTICs, unha xornada dirixida a profesores de toda Galicia que na súa segunda edición, celebrada o 5 de marzo de 2015, contou con preto de 150 asistentes.

Baixo o título "Para que os teus alumnos atendan, entendan e aprendan", o II InspiraTICs serviu de foro para que os docentes se achegasen a técnicas e instrumentos cos que inspirar e motivar os seus alumnos e "sintonizar" con eles, mozos nacidos nun ámbito dixital: os chamados "nativos dixitais".

O encontro, celebrado na sede da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, arrancou coa conferencia "Ferramentas imprescindibles para comunicar mellor: Programación Neurolingüística e intelixencia emocional", a cargo de Paco Rodríguez, consultor e formador de comunicación.

O relatorio centrouse no aspecto emocional do discurso, na necesidade de sintonizar a propia canle cos oíntes, algo que se consegue a través das emocións. O coñecemento propio, saber poñer nome ás propias emocións, permite a autorregulación destas e, en último termo, posibilita a motivación, que debe estar presente en calquera presentación. Invitou os asistentes a non apostar unicamente polas palabras, que constitúen un terzo da comunicación, e destacou a importancia de xerar emocións nos interlocutores para deixar pegada co noso discurso ou presentación.

Nun taller posterior, Paco Rodríguez abordou a preparación material do discurso, do que dixo que debe ser simple, inesperado, crible, concreto e emocional. Tamén destacou a importancia de adaptar a presentación ás diferentes audiencias, que no caso dos docentes poden ser alumnos, pais, un claustro de profesores ou calquera outro auditorio.

Novas formas de presentación e de acceso a contidos
A xornada incluíu tamén outros dous talleres sobre experiencias didácticas novidosas para levar ás aulas: "A Flipped classroom, os deberes a clase" e "Os clips de video como ferramentas educativas aplicadas ás ciencias sociais".

Manolo González, profesor do IES Concepción Areal de Ferrol, invitou aos "profesores do século XX que teñen alumnos do século XXI" a utilizar na aula recursos que os mozos usan no seu día a día para así lograr captar o seu interese. Así, este docente utiliza na aula breves clips de vídeo extraidos de películas históricas e documentais que serven na acción pedagóxica para transmitir conceptos como o tempo histórico, describir procesos complexos ou interpretar mapas, ou como apoio para a análise de textos.

A formulación de aula de Manolo González inclúe tamén a creación por parte dos alumnos, a partir do cine e dos clips, dun discurso histórico baixo calquera formato dixital: video, blog, gravación dunha entrevista, presentación, etc. Trátase de soportes que invitan á creatividade, a expresión, a imaxinación e a emoción e nos que "ninguén recorre ao curta e pega".

No taller "The Flipped Classroom, os deberes a clase", Joan Padrós, profesional do ámbito da formación, consultor e autor de diversos materiais educativos e estudos sobre a implantación das TIC en educación, expuxo como se pasou dun modelo docente no que o profesor transmitía coñecementos e o alumno escoitaba e facía os deberes na casa a novas formas de acceso á información: Internet está a sacar os contidos dos libros de texto.

Nese contexto, a "flipped classroom" xorde como un modelo diferente de transmisión da información: a través de videos ou presentacións preparados e proporcionados polo profesor, o estudante dispón dos contidos na casa, mentres que o tempo na aula se destina a facer actividades ou deberes. O alumno pasa a ser o centro da súa propia aprendizaxe, pero o profesor debe acompañalo.

Como vantaxes deste modelo, Joan Padrós destacou que o alumno pode acceder aos materiais en calquera sitio e tantas veces como os necesite, e que realiza os exercicios en clase de forma colaboradora cos seus compañeiros, algo que valoran positivamente. Pola súa banda, o profesor dispoñerá de máis tempo para interactuar, deseñar tarefas significativas e aclarar dúbidas.

Os encontros InspiraTICs terán continuidade no mes de maio. O terceiro encontro, ademais de ser unha nova oportunidade para o intercambio de experiencias, tamén acollerá a exposición dos proxectos finalistas do II Concurso Proyecta Innovación, ao que vos animamos a presentar as vosas ideas e proxectos educativos.

Vídeo do evento

Youtube image