IV Encontro inspiraTICs

A necesaria transformación dos alumnos en creadores de contidos

Na tarde do 19 de novembro de 2015, celebrouse o IV Encontro InspiraTICs no que docentes de colexios e institutos de toda Galicia congregáronse no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre para compartir inquietudes acerca das novas modalidades para o ensino e, á súa vez, da aprendizaxe. Ademais, este encontro puido seguirse en directo a través da páxina web de Proxecta polo que profesores doutros lugares puideron “estar presentes” e gozar desta xornada na que se compartiu a inquietude por atopar novos modelos de ensino a través da innovación.

O acto comezou coa conferencia “Metodoloxías e modelos emerxentes na educación do século XXI” a cargo de Raúl Santiago, doutor en Ciencias da Educación pola Universidad de Navarra e, actualmente profesor da área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja.

Desde o inicio da charla, Raúl Santiago propuxo “abrir xanelas” a cuestións sobre o presente e o futuro da educación, relacionando modelos pedagóxicos innovadores co uso da tecnoloxía para estimular a aprendizaxe do alumno.

Ao longo de toda a sesión, o relator fixo fincapé na necesidade de reflexionar sobre como aprenden os alumnos e como os docentes os están preparando para o futuro. Para iso, utilizou o exemplo de “o mito do famoso libro dixital”, explicando que de pouco serve cambiar o formato dun libro (de papel a PDF) se non se cambia a metodoloxía, unha metodoloxía na que os alumnos sexan activos dixitais e, en definitiva, os creadores de contidos.

Precisamente, o feito de converter aos alumnos en creadores de contidos, segundo explicou Raúl Santiago, repercute na súa forma de aprender, xa que están máis motivados e aprenden un maior número de competencias. A través de tecnoloxías emerxentes tales como o mobile learning, a gamificación e a realidade aumentada, os alumnos melloran as súas destrezas cognitivas e sociais.

Ademais, partindo da premisa de que as escolas deben ser espazos para aprender, non para ensinar, Raúl Santiago, falou da importancia de cambiar o modelo educativo e promover a aprendizaxe personalizada, é dicir, equitativa, e de aliñar a tecnoloxía coa metodoloxía para lograr o devandito obxectivo. Concluíu a charla enviando unha mensaxe aos seus colegas sobre o futuro dos estudantes de hoxe: “temos nas aulas alumnos que estamos a formar para profesións que aínda non existen”, polo que lembrando as palabras de Peter Drucker, pechaba o seu discurso apelando á utilización da tecnoloxía ao servizo do ensino a través da frase “se queres facer algo novo, tes que deixar de facer algo vello”.

Unha vez finalizada a conferencia, comezou unha mesa redonda na que participaron, xunto a Raúl Santiago, os docentes e expertos en novas tecnoloxías educativas: María José Soto, Ana Mariño e César Férnández Riádigos.

Durante o coloquio abriuse un interesante debate no que tanto os relatores como os asistentes compartiron as súas experiencias e vivencias nas aulas. Apelouse á importancia de valores como o respecto e as emocións, así como á necesidade de recuperar a creatividade e adaptar os métodos de aprendizaxe ao alumno, chegando a reflexións como que “para sacar o máximo potencial dun alumno hai que entender que o profesor é máis importante que nunca” ou que “todos os nenos teñen talento e o obxectivo do profesor é saber cal é o talento de cada un”. As palabras, tanto dos relatores como do público denotaron unha gran implicación persoal e ganas de continuar co cambio na metodoloxía de ensino actual, reiterando a necesidade de converter ao alumno en creador.

Tras o debate, Óscar Ortega, Director da Fundación Amancio Ortega e José Francisco Sánchez, Director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, fixeron entrega dos premios do II Concurso Proyecta Innovación.

Nesta edición foron seis centros educativos os premiados: IES de Meaño (Pontevedra) polo seu proxecto “MakerSchool”, IES David Buján (Cambre) por “Aula 2020”, Ceip Ponte dos Brozos (Arteixo) por “Gamificación e programación de videoxogos”, IESP Fontem Albei da Fonsagrada (Lugo) por “Asibot”, CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) por “Aprende coas mans” e Maristas Cristo Rey (A Coruña) por “Maristápolis”.

Óscar Ortega concluíu o IV Encontro InspiraTICs anunciando que xa está aberta a convocatoria para o III Concurso Proyecta Innovación destinado a centros educativos de Galicia e que, no mes de decembro lanzarase por primeira vez un concurso de ámbito nacional para premiar a traxectoria, dedicación e innovación entre o profesorado (do que se informará debidamente na páxina web). Así mesmo, agradeceu a asistencia a todos os alí presentes e destacou a importancia do labor docente como motor do cambio.